A UPG renova o comité central e reivindica o nacionalismo fronte ás forzas que "acatan sumisamente o que lle ditan dende Madrid"
Por Diego Torrado & Natalia Puga
A Unión do Povo Galego-UPG, forza maioritaria dentro do BNG, fixo este domingo unha exhibición de forza e de renovación en Pontevedra con motivo do seu XIV Congreso nacional, que se desenvolveu no Pazo da Cultura baixo o lema 'Organizando o pobo. Construíndo a soberanía da Galiza' e serviu para renovar o seu comité central e refrendar o seu apoio ao BNG de cara ás vindeiras citas electorais como o único partido nacionalista que defende os intereses de Galicia máis alá das súas fronteiras e tamén como a única opción de que a comunidade teña voz propia no Congreso dos Deputados.
O seu secretario xeral, Néstor Rego, reelixido no cargo, explicou ao remate da sesión de clausura que o congreso debateu e acordou "continuar a traballar nun proxecto nacionalista actuante na sociedade" e comprometeuse a buscar co conxunto de forzas integradas no BNG "as mellores fórmulas e as mellores solucións" para mellorar a capacidade de incidencia social do nacionalismo "no camiño de recuperar apoio, espazos políticos e electorais".
Asumidos os malos resultados do BNG nas pasadas eleccións xerais, márcanse a vindeira cita electoral do 26 de xuño como "unha oportunidade de que Galiza recupere a voz" fora da terra. Faino "ante a evidencia constatable nos últimos seis meses de que unha vez que o BNG non estivo no Congreso dos Deputados tampouco Galiza estivo presente". Na UPG, como membros do Bloque, son conscientes de que, "fronte a esa constatación, hai persoas que están ollando de novo ao nacionalismo, ao BNG" e márcanse como reto "facer o posible por recuperar a súa confianza e o seu apoio".
Rego amosouse crítico con todas as forzas políticas que "en vez de confiar en Galiza acatan sumisamente o que lle ditan dende Madrid" e reivindica o proxecto político do BNG -pois a UPG non se presenta ás eleccións- como "o antídoto contra a obediencia sumisa", sobre todo cando está convencido de que "esa obediencia sumisa nos prexudica como pobo e nos prexudica como persoas". "Se un non defende a súa posición o que acontece é que acaban decidindo contra el e acaban por tanto prexudicándoo", engadiu.
Ante quen asegura que o nacionalismo galego está en horas baixas, Néstor Rego defende que "está actuante e moi activo", en especial despois da última asemblea nacional do BNG, na que se acordou abrir un proceso de debate para ver que é preciso mudar. Como militantes do Bloque, na UPG decidiron no seu congreso deste domingo contribuir no posible a ese debate con algunhas ideas que teñen que ver fundamentalmente con mellorar a capacidade e axilidade de comunicación e intervención, "con ser menos rutineiros, con ser máis audaces en moitos aspectos". E o que teñen claro é que esa renovación non vai cuestionar elementos que son esenciais, tales como a convicción nacionalista.
Este XIV Congreso da UPG contou coa presenza e apoio de colectivos sociais e polítios de toda Galicia, pero tamén de 40 organizacións políticas chegadas do resto de España e de 33 países distintos, tales como Alemaña, Chile, Brasil, Palestina, Malta, México, Veneuela, Uruguai, Ucraína, os territorios saharauis, Portugal, Puerto Rico, Perú, Panamá, Francia, Grecia, Escocia, Estados Unidos, Cuba, Líbano, Costa Rica, Croacia, O Salvador, Irlanda ou Suazilandia.