Clientes dun bar de Marín enfróntanse á Garda Civil por mor dunhas multas de tráfico
Por Natalia Puga
A contorna do bar Pardavila, na parroquia do mesmo nome de Marín, viviu na tarde-noite deste martes 17 de maio unha escena rechamante coa que quedaron sorprendidos os condutores que circulaban pola zona. Chamaba a atención o amplo despregamento de medios da Garda Civil e a Policía Nacional e aínda máis que o gran número de persoas concentradas no exterior do local.
Todo ocorreu a partir das 21.30 horas cando unha patrulla da Garda Civil de Tráfico detívose na contorna do bar e multou varios vehículos que estaban mal estacionados en lugares da beiravía onde está prohibido facelo. En total, sancionaron seis turismos e, mentres estaban a facer o seu traballo, varios clientes saíron do interior para chamarlles a atención.
Os axentes seguiron realizando o seu traballo, pero os ánimos empezaron a tensarse na zona, de modo que foi necesario un reforzo e desprazáronse ata Pardavila máis patrullas da Garda Civil e tamén dotacións da Policía Nacional das comisarías de Pontevedra e Marín. Finalmente, non foi necesario que interviñesen os policías e o tumulto disolveuse sen máis incidentes, pero si se formularon máis denuncias.
A Garda Civil acabou denunciando dúas persoas máis, unha parella que estaba moi alterada e foi denunciada por alteración da orde pública, unha infracción da lei de seguridade cidadá que deriva habitualmente en sancións.