Así foi a rechamante detención dun condutor que circulaba con placas falsas nun turismo dado de baixa e sen seguro
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Eran as oito da tarde do xoves 12 de maio cando os coches que circulaban pola zona de Beiramar e os numerosos viandantes que paseaban ou corrían pola contorna quedaron sorprendidos por unha escena pouco habitual en Pontevedra. Ata cinco patrullas policiais xuntáronse en cuestión de segundos ao redor do mesmo coche, déronlle o alto e varios axentes procederon á detención do seu condutor, un mozo que opoñía certa resistencia ante a pasmada mirada dos cada vez máis numerosos curiosos que se xuntaban na contorna das avenidas de Corbaceiras e A Barca.
Foi todo moi rápido, inmediatamente o home foi trasladado a un coche patrulla e todos os vehículos da Policía Local concentrados na zona abandonaron o lugar, pero da película seguiu falándose bastantes minutos máis e mesmo hai quen gravou un vídeo, pero a dúbida quedou sementada e ninguén sabía que fixera o detido. A Policía Local acaba de desvelar as incognitas. Trátase dun home que circulaba con placas de matrícula falsas para ocultar que o seu turismo estaba dado de baixa e carecía de seguro.
O mozo foi detido como suposto autor dun delito de falsidade documental que cometería cun colaborador e trasladado a dependencias da Policía Nacional para posteriormente ser posto a disposición xudicial. E agora hai que aclarar todos os detalles do acontecido.
De momento, a Policía Local xa indicou que o coche, un Audi A8, fora detectado previamente circulando por varias rúas de Pontevedra portando placas procedentes de Alemaña cun formato que chamou a atención dos axentes porque se correspondía coas matrículas que levan os turismos históricos ou de colección, pero non o era. Tras realizar as correspondentes xestións, pescudaron que a matrícula que levaba non existía en Alemaña, polo que se montou un dispositivo para localizalo de novo.
Ese dispositivo deu os seus froitos o 12 de maio e derivou na espectacular detención relatada. Detectárono na avenida de Corbaceiras con catro persoas dentro, déronlle o alto e déronse á fuga. Cando volveu ser localizado, si lle deron o alto e lograron deter ao seu condutor e suposto autor do delito de falsidade.
Segundo a Policía Local, en colaboración cunha segunda persoa, compraron un coche en Alemaña con placas de matrícula temporais e, ante a caducidade das mesmas, modificáronas e deron unha aparencia legal anulando as datas de caducidade visibles e dando un formato de placa ordinaria, pero cometeron o erro de configurar unha placa que só se expide para vehículos históricos. O coche estaba dado de baixa e non tiña seguro.
ANTECEDENTES NA CIDADE
Este non é o primeiro caso de delito de falsidade documental en matrículas na cidade. Nos últimos meses foron investigadas outras tres persoas por feitos similares. O primeiro ocorreu en xaneiro, cando o servizo do guindastre retirou un coche mal aparcado e a Policía detectou que levaba a matrícula doutro vehículo de igual marca e modelo que fora roubado en Madrid e estaba relacionado cun atropelo con fuga.
Outro caso tamén está realizado cun turismo importado de Alemaña valorado en 40.000 euros. O seu condutor circulaba pola cidade cunha matrícula temporal das que habitualmente se expiden nese país para os vehículos que se exportan, pero que ao pouco tempo caducan e perden validez. Iso ocorrera nesta ocasión, as placas estaban caducadas e o seu condutor, tras recibir un primeiro aviso da Policía Local, cambioulle a matrícula pola doutro turismo doutra marca e modelo ata en dúas ocasións ata que finalmente foi denunciado por falsidade documental ante o Xulgado de Garda.
O terceiro caso é o máis recente, detectouse durante a celebración da festa de Santa Kata, patroa da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Un mozo acababa de comprar un coche de segunda man en León importado de Alemaña e, sen sabelo, tiña as placas caducadas. Por estes feitos non foi denunciado o mozo que o conducía, senón o vendedor.