A rexeneración do entorno de Ermelo esperta o interese de medio centenar de empresas
Por Redacción
O Concello de Bueu celebrou este luns a mesa de contratación para a apertura dos sobres das 54 empresas que optan á obra de rexeneración do entorno de Ermelo, que se fará con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e que se enmarca dentro do proxecto "Ermelo: cerne do Morrazo" posta en marcha para revalorizar este espazo histórico e no que tamén converxen os municipios de Cangas e Moaña.
Das 54 empresas presentadas, os membros da mesa decidiron que van solicitar a tres das empresas consideradas de posible baixa temeraria que presenten documentación acreditativa.
Segundo se especifica no proxecto técnico, esta primeira fase vai consistir na rexeneración do entorno da igrexa, que incluirá a substitución do actual pavimento de asfalto por unha solución mixta entre adoquín e enlousado de granito, buscando unha alternativa de tratamento deste espazo máis tradicional e co que se revalorizará ese núcleo histórico tradicional do Morrazo.
Neste sentido, os tendidos eléctricos tamén serán soterrados e crearase unha canalización, tamén soterrada, para a recollida de augas pluviais. Seguindo co proxecto, nos límites cos muros tradicionais crearase unha franxa de amortecemento empregando as pedras do antigo empedrado constatado no lugar.
A revalorización do entorno da Igrexa de Ermelo responde tamén á recente recuperación da súa memoria. Esta antiga construción formaba parte do mosteiro prerrománico fundado no século X e que foi reconstruído en estilo románico en 1104 tras a súa destrución polos normandos.
Relacionadas:
-
Ermelo estrea praza cun acto lúdico e cultural
Por Redacción |
-
Os viais de Meiro-Ermelo e de rúa Nova-A Rosa, prioridades do Concello de Bueu e a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu inicia este xoves a rexeneración do entorno de Ermelo
Por Redacción |
-
Bueu licita o proxecto de rexeneración do ámbito da igrexa de Ermelo
Por Redacción |