A Feira de Cuspedriños prepara unha "histórica e emotiva" décima edición
Por Redacción
O Concello de Cotobade aspira a reunir a máis de 3.000 persoas na que será a décima edición da Feira de Cuspedriños, evento que recrea os antigos mercados celebrados en San Xurxo de Sacos nas décadas dos cincuenta e sesenta.
A feira celebrarase o vindeiro domingo 5 de xuño desde as 10:00 horas, cunha intensa programación festiva.
O alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira de Promoción Económica, María Pichel, presentaron este luns a nova edición desta festa popular, que será "histórica e emotiva".
Se intalarán postos de artesanía, roupa, comida e oficios tradicionais. Ademais programáronse actividades de música, folclore e gaitas de grupos como Os Trazantes de Tenorio, Os Afoutes o Os de Ningures, ademais de xogos populares e outras actividades lúdicas.
Todo iso "rememora aspectos do noso pasado e da vida no rural que non debemos esquecer nunca e dos que estamos orgullosos", sinalou o alcalde.
A Feira de Cuspedriños contará tamén coa colaboración da Asociación do Traxe Galego, cun pase de moda tradicional ás 17:00 horas, e tamén contará cunha concentración de vehículos antigos, entre os que destaca un autobús restaurado que rememorará a antingua ruta entre o Bar Manolo, en Viascón, ata Cuspedriños.
A organización pediu aos asistentes que acudan ataviados con vestimentas propias dos anos 50 e 60 para dar máis ambiente á feira, esperando que a resposta sexa masiva como en anos anteriores.