Novos lombos e redutores de velocidade en catro rúas do centro da cidade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal ve catro zonas prioritarias onde entende que hai que tomar medidas para acougar o tráfico. Son puntos onde a Policía Local chegou a detectar vehículos circulando a máis de 80 quilómetros por hora e, nalgúns deles, producíronse accidentes graves nos últimos meses. Son Eduardo Pondal, a avenida de Bos Aires, a avenida de Vigo e Loureiro Crespo.
Non en todas elas instalaranse lombos, xa que a estrutura da rúa non o permite.
Estes pasos elevados colocaranse na avenida de Buenos Aires, no paso de peóns situado ante o vello edificio de Maxisterio e nun de nova creación á altura da parada de autobús que hai nas inmediacións da ponte de Santiago; e en Eduardo Pondal, nos pasos de peóns entre a rotonda con Uxío Novoneyra e a ponte da avenida de Vigo.
Un reductor de velocidade, similar ao que se situou na saída da rotonda de San Roque cara á Alameda, é a opción elixida para as inmediacións dos pasos de peóns en Loureiro Crespo, entre o 12 de novembro e a avenida de Lugo e para as inmediacións do IES Frei Martín Sarmiento e a antiga delegación de Sanidade na avenida de Vigo. Alí, ao estar a beirarrúa case á altura da calzada, non se poden instalar lombos.
Ademais de informar sobre estas medidas, o concelleiro Luís Bará cualificou como "sabotaxe" ao modelo urbano de Pontevedra a proposta presentada polo PP para a circulación rodada no centro da cidade, xa que levaría a "miles de coches" á zona máis peonil.
Bará asegura que esta proposta carece de estudos técnicos que a avalen, a diferenza do que propón o Concello e que está a ser deseñado pola Policía Local e o enxeñeiro municipal, polo que pediu aos populares que abandonen os seus "xogos de nenos" e non sigan insistindo cunha medida "que non é seria nin rigorosa".
Pero para o PP, a súa proposta tivo unha "aceptación positiva" na oposición municipal e aseguran que "no vamos en contra de ningún modelo" senón que buscan, segundo o concelleiro José Luis Martín, buscar un "equilibrio" entre peóns e vehículos.
Esta reordenación permitiría, reiterou Martín, unha circulación "más fluída" no centro de Pontevedra, polo que lamentan que se rexeitara por parte do BNG.
Relacionadas:
-
Dous novos lombos para Eduardo Pondal e redutores de velocidade para a avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Cambio de sentido en Cobián Roffignac e outra serie de propostas do PP para reordenar o tráfico
Por Natalia Puga |
-
Novo intento do PSOE por lograr a creación de vías sanitarias libres de lombos
Por Redacción |
-
Presentan 1.110 alegacións contra a ordenanza que pretende regular os lombos
Por Redacción |