Descobre as mellores fotos do inverno pontevedrés
Por Redacción
O centro histórico, a Alameda e San Roque foron os espazos escollidos nesta edición pola organización do II Maratón Fotográfico como os lugares onde se podían realizar fotografías para concursar neste certame. Cada autor tiña que desenvolver a súa imaxinación para participar nalgunha das tres categorías establecidas: Rebumbio, Reflexos e Pedras nas que se recollían propostas relacionadas co inverno pontevedrés.
Presentáronse ao redor de 50 fotógrafos entre os que se atopaban profesionais e afeccionados. Durante as últimas semanas púidose ver na Casa da Luz, na praza da Verdura, a exposición na que se recollían todas as imaxes presentadas.
Este sábado 30 de abril, o xurado fixo públicos os premios. Na categoría Reflexos, a fotografía de Susana Baños foi seleccionada como a mellor. En Pedras, o gañador foi José Luis Cuervo mentres que en Rebumbio a triunfadora foi Pilar Gómez, que tamén obtivo o premio á mellor foto do certame con xogos de sombras no Mercado de Abastos. Tamén se entregou un quinto premio como resultado da votación do público que recaeu en Miguel Lage Souto.
O xurado estivo conformado polos fotógrafos Miguel Vidal, Ramón Capotillo, Rafa Vázquez, Rafa Fariña e Diego Torrado, fotoxornalista de PontevedraViva.
Os premios consisten en vales que se poderán cambiar en diversos establecementos como o Hotel Campaniola, a Viñoteca Envero ou A Tenda da Gata.