Sesión vermú con sabor ás Rías Baixas no Festival de Cine de Málaga
Por Redacción
O documental Cociñando no fin do mundo, que retrata a nova cociña galega a través dos cociñeiros do Grupo Nove e percorre as paisaxes das Rías Baixas nos que estes se inspiran, foi este domingo un dos protagonistas do Festival de Cine de Málaga. Proxectouse durante a segunda xornada do 'Gastroweekend' e, ao remate, os asistentes tomaron un vermú con todo o sabor desta terra no que actuaron de embaixadores aresidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, e os chefs Pepe Solla e Javier Olleros.
A proxección da ópera prima do director vigués Alberto Bahamonde tivo o aforamento completo, pois as entradas xa se esgotaran aos poucos días da súa posta á venda.
Na sesión vermú posterior, amenizada por Radio Pesqueira, autores da banda sonora do documental, o público puido degustar diferentes pratos elaborados por Pepe Solla (Restaurante Casa Solla en Poio) e Javier Olleros (Restaurante Culler de Pau no Grove), ambos os dous membros do Grupo Nove e recoñecidos cunha estrela Michelin.
A presidenta da Deputación, como entidade que patrocina o documental, tamén estivo presente no acto e destacou que as Rías Baixas "é unha terra máxica onde traballan uns cociñeiros máxicos que son un orgullo inmenso e os nosos mellores embaixadores do noso extraordinario produto".
Pepe Solla explicou que "canto máis vexo Cociñando no fin do mundo, máis me dou conta de que esta non é unha película de cociñeiros, senón que reflicte unha paisaxe, un territorio, a esencia da terra galega". Pola súa banda, Javier Olleros destacou que "Galicia é a terra perfecta para ser cociñeiro. Debemos de ser conscientes das nosas raíces, respectalas e usar o noso produto que é espectacular".