Rehabilitar o rosetón, obxectivo da nova intervención nas ruínas de San Domingos
Por Alejandro Espiño
A Deputación de Pontevedra destinará 49.432,89 euros nunha nova actuación para consolidar as ruínas de San Domingos, un dos conxuntos histórico-artísticos máis destacados da cidade de Pontevedra.
O proxecto, que xa recibiu a licenza de obra por parte do Concello, ten a súa orixe na anterior intervención para consolidar o estado das ruínas. Nese momento descubriuse que o rosetón atopábase desaliñado e presentaba gretas e roturas varias na súa estrutura que, segundo os técnicos, podían afectar á súa estabilidade.
O obxectivo é realizar unha mínima intervención tendente a avanzar na conservación e preservación do rosetón e garantir a seguridade da estrutura e das persoas que visiten o conxunto arquitectónico.
Os traballos, que serán realizados por unha empresa especialista en intervencións en edificios históricos, partirán da protección previa dos elementos pétreos da contorna.
Tras iso, entre outras cuestións, os esforzos centraranse no selado e o reforzo das gretas que presenta o rosetón, así como nunha profunda limpeza para retirar todos os elementos orgánicos que hai na estrutura: costas grises, resinas, cementos, restos de sal, excrementos de aves, brións e raíces de vexetación variada.
Estas tarefas de limpeza faranse de forma manual con cepillos e rasquetas para non danar o conxunto, mentres que para os brións empregaranse biocidas químicos.
Unha vez terminados estes traballos, que teñen un prazo de execución de catro semanas, as ruínas poderanse abrir ao público e retomaranse as visitas guiadas. O obxectivo do Museo de Pontevedra é que isto suceda antes do verán.