Sanxenxo incorpora unha trintena de traballadores para reforzar os servizos municipais
Por Redacción
Cinco auxiliares administrativos, unha traballadora social e 24 peóns. Son os traballadores que se irán incorporando progresivamente ao persoal do Concello de Sanxenxo para cubrir as necesidades que presentan os diferentes departamentos municipais.
Estas contratacións son froito do Plan Concellos da deputación provincial, que achegará para este fin 250.484,33 euros, asumindo a administración local un total de 14.834,43 euros.
Prestarán servizos de carácter xeral e social no termo municipal colaborando cos labores de acondicionamento, limpeza, mellora de zonas ambientais, de conservación e mantemento das infraestruturas e reposición e adecuación das praias e areais do litoral, entre outros.
Estes contratos serán a tempo completo con 37,5 horas de traballo semanais durante un período de oito meses.
Así llo comunicou este luns Vanessa Rodríguez Búa, concelleira de Persoal, aos novos traballadores, nunha reunión organizativa á que tamén asistiron os concelleiros de Medio Ambiente, Coral González-Haba e de Servizos, Maxi González.
Vanessa Rodríguez Búa destacou que o goberno local optou por contratacións a tempo completo para garantir uns salarios dignos para as novas incorporacións.