Rei Zentolo renova o seu catálogo e a súa páxina web
Por Redacción & Diego Torrado
O Café Moderno de Pontevedra, establecemento emblemático onde os haxa, foi o lugar elixido o pasado 1 de abril pola empresa Rei Zentolo para presentar a amigos, provedores, clientes, socios, colaboradores e medios de comunicación o novo catálogo e a súa nova páxina web.
Con www.reizentolo.es, desenvolvida por unha empresa que nace dun proxecto de enxeñeiros informáticos vinculados á Universidade de Vigo, Origami Soluciones, a marca pontevedresa pretende aumentar a súa presenza no territorio nacional.
Nesta nova estratexia, a empresa cre fundamental a potenciación na rede de redes para a difusión dos seus deseños e produtos.
O obxectivo é ambicioso, xa que a pretensión é duplicar as vendas, aínda que sen descoidar a súa filosofía de creatividade, galeguidade e universalidade, que comeza na vida cotiá e na independencia do seu traballo.
Neste senso, a compañía pontevedresa avanzou a súa colaboración co coñecido restaurador Pepe Vieira e co Colexio Hogar de Vigo, na que buscarán realizar unha serie de serigrafías estampadas a partir de tintas comestibles -elaboradas entre outros con pemento ou con viño de Barrantes-. Todos os beneficios serán doados a diferentes organizacións.
O evento, conducido por David Amor, resultou todo un acontecemento ao que asistiu unha numerosa representación do tecido empresarial e das institucións públicas da cidade, así coma clientes que quixeron poñer o seu gran de area ao acontecemento coma Cervexas Ribeira Sacra coa súa cervexa artesanal Chacueca ou a adega Pilares de Belesar co seu viño Asolagados.
Ambos son exemplos dos traballos de deseño que Rei Zentolo realiza para outras empresas.