As fervenzas de Las Palmeras
Por Oskar Viéitez
As copiosas choivas das últimas semanas converteron as escaleiras do parque pontevedrés das Palmeras nunha pequena catarata que fai o paso impracticable.
A auga arrastra terra pola avenida de Raíña Vitoria atascando a rede de pluviales.
Non é o único estrago que está provocando a auga nesta zona que presenta importantes danos. Con todo o arranxo terá que esperar xa que a Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona Anxos Riveiro, está a realizar diversos traballos de reparación e mantemento na Xunqueira de Alba centrados na entrada ao parque.
Por un lado, Parques está a reparar a senda de entrada á Xunqueira, aínda que o mal tempo destas semanas está a dificultar os traballos. A senda presentaba fochancas e pozas a consecuencia do uso e tamén dos traballos de construción da ponte das Correntes que afectaron a unha pequena parte na entrada á Xunqueira.
Está previsto que os traballos rematen ao longo da vindeira semana, dado que a chuvia está a dificultar os labores de explanado da senda que é de xabre.
Ademais, a Concellaría de Parques tamén está a facer traballos de mantemento dentro do recinto para cans habilitado á entrada da Xunqueira. Aínda que non está prohibido o paso, recomendan aos usuarios deste espazo que eviten o seu uso durante estes días ou de facelo que estremen as precaucións porque se atopa moi enlamado.
A Concellaría quere pediu desculpas aos centos de pontevedreses que cada semana empregan a Xunqueira de Alba como zona de recreo, adestramento ou lecer polas molestias que poidan causar estas obras ao inicio da senda, e procurará acelerar os traballos de ser posible.