As tres glorietas da Lanzada estarán en obras a vindeira semana
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia este luns, día 14, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a rehabilitación do firme de tres glorietas da estrada autonómica que comunica A Lanzada co Grove (PO-316), no entorno da praia da Lanzada. Estas rotondas rexistran un intenso tráfico, especialmente nos meses do verán.
A actuación será executada pola empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (COVSA).
Actuarase na glorieta de intersección coa estrada Cambados-A Lanzada (PO-550), no inicio da PO-316, na rotonda de acceso ao aparcadoiro da praia e na existente no cruce coa estrada a San Vicente do Mar (PO-317).
As obras comezará este luns cos traballos previos e de sinalización, posteriormente levarase a cabo a extensión dunha nova capa de rodadura nas glorietas, previo fresado dos puntos deteriorados existentes. Estes traballos, que se farán a partir do martes, completaranse co repintado das marcas viarias e o recrecido do bordo do anel central para axeitalo á nova cota do aglomerado.
As glorietas contan, na actualidade, cun pavimento que, pola acción do tráfico e dos axentes atmosféricos, foi perdendo a súa capacidade estrutural e a calidade de servizo esixida e presenta fisuras e irregularidades que se corrixirán cos traballos previstos.
As tarefas de estendido da mestura bituminosa en quente realizaranse ao longo desta semana, polo que xa se contará cun novo firme antes da Semana Santa; unha vez extendida a rodadura, levaranse os traballos complementarios sinalización e recrecido do bordo.
Con estas actuacións, nas que se investirán preto de 48.000 euros, o goberno autonómico mellorará o estado do firme, co fin de garantir unha circulación cómoda e segura dos usuarios desta estrada, que rexistra un tráfico moi importante especialmente nos meses de verán.