Un piquete informativo pecha con danos en dúas rodas e unha lúa dunha ambulancia
Por Natalia Puga
Un piquete informativo sobre os motivos da folga de traballadores de ambulancias de Pontevedra no que participaron ao redor de 20 persoas rematou este xoves cun incidente e danos nun vehículo.
A Policía Nacional constatou que ao paso deste piquete unha ambulancia quedou coas dúas rodas de atrás picadas e unha lúa traseira fracturada.
O incidente produciuse a partir das 9.00 horas deste xoves na área de Urxencias do Hospital Montecelo e non foi identificada ningunha persoa como suposta responsable dos danos ocasionados.
A Policía Nacional realiza labores de custodia das ambulancias que cumpren servizos mínimos durante os dous días de folga do servizo de ambulancias convocados a nivel galego para este xoves e este venres. E para dous días de cada semana dende principios de xaneiro para demandar a firma dun convenio colectivo que responda ás demandas dos empregados.