Viaxe virtual dende Pontevedra por toda España
Por Redacción
A empresa pontevedresa, Factoría Eurodigital, naceu en Pontevedra hai trece anos. A súa actividade céntrase no deseño de viaxes 360º interactivos. Xa teñen elaborado, entre outros, percorridos virtuais por Santiago de Compostela ou por Cabeza de Manzaneda. Durante oito anos, os promotores desta iniciativa levan facendo propostas a través de descubregalicia e agora queren ampliar a súa iniciativa a toda España. Para isto poñen en marcha spainsecret para trasladarse virtualmente a calquera cidade e percorrer rúas, deterse nas prazas, explorar edificios ou coñecer ofertas de hoteis e restaurantes.
A empresa quere seleccionar a 400 emprendedores para construir esa nova viaxe virtual. Para formar parte deste novo proxecto, Factoría Eurodigital só reclama persoas que dispoñan dunha cámara de fotos, un ordenador, conexión a Internet, don de xentes, moitas ganas de traballar e seguir unhas instruccións para filmar o percorrido virtual. Segundo a empresa, deste xeito poden chegar a converterse en embaixadores da cidade onde residan promovendo a súa visibilidade nas redes. Factoría Eurodigital entende que así pode incrementarse a proxección dos negocios e actividades empresariais da súa zona.
Spainsecret permitirá, segundo afirman os responsables da empresa, funcionar como un vehículo de difusión turística e comercial, tal e como se pode comprobar con máis de trinta cidades españolas que poden percorrerse dende calquera parte do mundo a golpe de clic.
Os interesados poden poñerse en contacto con comunicacion@eurodigital.cc e alí poderán obter indicacións axeitadas para integrarse nesta proposta.