Invitan aos veciños de Sanxenxo a participar nunha gran coreografía
Por Oskar Viéitez
O Centro de Información á Muller do Concello de Sanxenxo está preparando os actos que desenvolverá con motivo da conmemoración do Día da Muller, programados para o próximo 8 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Entre as actividades previstas destaca a realización dun espectáculo, para o que este departamento municipal busca participantes.
Segundo explicaron os responsables desta proposta, poderán sumarse a esta acción todos aqueles homes e mulleres que conten con ganas de divertirse poñendo en escena unha coreografía informal.
Para iso, os interesados non deberán posuír habilidades específicas para o baile pero si acudir aos ensaios que terán lugar os mércores, a partir de mañá, ás 20.00 horas, no Real Club Náutico de Sanxenxo.