A Igrexa paga o IBI en Pontevedra, o Porto de Marín non fai o mesmo coa agua
Por Alejandro Espiño
Moito se falou estes días de Allariz e da sentenza xudicial que obriga á Igrexa a pagar o IBI en catro inmobles da súa propiedade, pero trátase dunha medida que en Pontevedra xa se leva aplicando moitos anos. Así o desvelou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Explicou que "salvo algún erro que poida haber", a Igrexa abona o imposto de bens inmobles de gran parte das súas propiedades.
Á Igrexa, dixo o concelleiro nacionalista, cóbraselle "todas as taxas municipais", incluído o IBI en "vivendas, pisos ou terreos da súa propiedade". Tan só están exentos, como así recolle a lei, aqueles centros dedicados ao culto relixioso como igrexas, conventos ou basílicas. "Sexa ou non sexa a igrexa, o Concello traballa para que haxa igualdade ante a lei, e deben pagar o IBI como fan o resto dos cidadáns".
En todo caso, Raimundo González recoñece que "por erro ou omisión" pode haber algún inmoble polo que non están pagando, "porque a propiedade pode estar catalogada como que o seu propietario é descoñecido". Esperan enmendar, se ese é o caso, esta situación coa revisión catastral que se está realizando nos últimos meses e que permitiu regularizar máis de 800 unidades catastrais.
Segundo o goberno local, a débeda do Porto de Marín ascende a un millón de euros e, malia os requerimientos "néganse a pagar"
A Igrexa paga "puntualmente" recoñeceu o concelleiro de Facenda. Todo o contrario que a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. Unha nova sentenza xudicial dá a razón ao Concello no conflito que manteñen ambas administracións polo uso da auga. Segundo o goberno local, a débeda do Porto de Marín ascende a un millón de euros e, malia os requerimientos "néganse a pagar".
"Están facendo negocio coa nosa auga", denunciou Raimundo González. Explicou que o Porto de Marín enganchouse "de forma pirata" á rede de abastecemento de auga de Pontevedra, cóbralle ás empresas por fornecerlles a auga, pero en cambio non paga ao Concello de Pontevedra. "En termos xudiciais se entende que distraen a auga, vamos, que a mangan", ironizou o edil nacionalista.
Neste sentido, Raimundo González reclamou da Autoridade Portuaria que opere "con sentido común e responsabilidade" e abone a débeda. O Concello de Pontevedra persistirá nesta petición en busca dunha saída negociada, xa que "se imos polas bravas e cortamos a auga, ao final quen sae perdendo son as empresas e nunha situación económica como a que estamos, entendemos que non sería beneficioso para ninguén".
Relacionadas:
-
A Universidade pide que o Concello a exima de pagar o IBI e débelle 80.000 euros de tres anos
Por Natalia Puga |
-
O Concello acusa ao Porto de actuar con "mala fe e deslealtade" con respecto ao subministro de auga
Por Alejandro Espiño |
-
O Porto de Marín nega ter débedas con Pontevedra pola auga e pide ao Concello que "deixen de intoxicar"
Por Redacción |