O Camiño Portugués será potenciado para que en tres anos aumente un 25% o número de peregrinos
Por Oskar Viéitez
O 17 % do total de peregrinos que emprenden a ruta a Compostela fano polo Camiño Portugués. O pasado ano, segundo fontes oficiais foron 43.149 persoas. A Deputación quere que en apenas tres anos, no 2019, aumente un 25% o número de peregrinos.
O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a presentación aos medios de comunicación da candidatura do proxecto europeo do Camiño Portugués a Santiago, nun acto ao que asistiron os alcaldes e concelleiros dos 13 municipios da provincia polos que pasa esta ruta de perergrinación, así como os Presidentes e vereadores das 4 Cámaras Municipais portuguesas (Ponte de Lima, Barcelos, Paredes de Coura e Valença do Minho), que participan nesta iniciativa, ademais dos presidentes da Asociacion de Amigos do Camiño e da Asociación Ponte nas Ondas (patrimonio inmaterial Galego Portugués).
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que a Administración provincial, como socio líder, promove esta actuación de cooperación entre a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal que servirá para potenciar os lazos sociais e culturais entre ambas as rexións, e que ten por obxectivo: promover e desenvolver o percorrido mediante a creación de novos produtos turísticos relacionados co Camiño, ampliar e mellorar a oferta turística.
O técnico Manuel Loureiro, sinalou como unha das metas o incrementar nun 25% o número de peregrinos e turistas que realiza o Camiño Portugués. Para iso márcanse como prazo o primeiro trimestre de 2019.
Este incremento progresivo de peregrinos por esta variante supoñería alcanzar as 54.000 persoas anuais.
Para iso os promotores deste proxecto que se cifra en 4.062.213 euros, aspiran a obter un 75% de financiamento europeo no marco da primeira convocatoria Interreg V-Poctep Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, para impulsar o Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
Carmela Silva subliñou as oportunidades de desenvolvemento e internacionalización do sector turístico vinculado á ruta que se abren con esta iniciativa.