As silveiras devoran o antigo Sanatorio Marescot ante o malestar veciñal
Por Redacción
Os veciños que residen nas proximidades do antigo edificio do Sanatorio Marescot están molestos ante o abandono que presenta a propiedade. As silveiras chegan ata a segunda planta do inmoble nunha zona na que se encontra un parque infantil.
O Sanatorio Marescot pechaba as súas portas en abril de 2008 tras despedir 23 traballadores. A dirección alegaba que cos escasos pacientes que se mantiñan no centro era insostible manter a actividade. Non obstante, algunhas fontes sindicais apuntaban a que o centro non se adaptara e complicaba a atención para aquelas persoas con dificultades de mobilidade. Dende a data en que a actividade sanitaria cesou, as instalacións permanecen pechadas.
O Sanatorio fora fundado no ano 1926 polo doutor Enrique Marescot Iglesias e contaba cun amplo xardín, por ese motivo nos últimos anos especializárase como centro de rehabilitación e de atención ás persoas maiores. Tras a morte do fundador, o seu sobriño Enrique Marescot Fernández foi o encargado de xestionar o sanatorio ata o seu falecemento no ano 1996. Nos últimos anos de actividade, era o seu fillo, Enrique Marescot Peña quen acompañado doutros familiares xestionaba o centro.
Agora, algúns veciños de Ramón Peña, Rosalía de Castro e Manuel del Palacio reclaman aos propietarios a limpeza e coidado das instalacións situadas no centro da cidade para evitar problemas de insalubridade na zona.