A Deputación abre o prazo de solicitude para optar á oferta formativa de "Conectadas 2016"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra publicou este luns no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras do programa “Conectadas 2016”. A partir do martes, 12 de xaneiro, e durante un mes, as entidades que promoven o desenvolvemento das mulleres poderán presentar as solicitudes para poder optar ás 267 prazas do programa nos rexistros da Deputación.
“Conectadas 2016”, dotado de 321.433 euros, segundo explicaron dende o goberno provincial, trátase dunha modificación radical do anterior programa “Pensa en Ti” que ofertaba cursos "non adaptados a unha sociedade do século XXI", coma automaquillaxe, corte e confección ou cociña no sentido máis tradicional da forma de entender a participación das mulleres no mundo.
“Conectadas 2016” ten por obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
As accións formativas deste programa, dunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración.
As mulleres terán preferencia, reservándose o 25% das prazas para homes agás no bloque “Súmate ao cambio” no que a participación pode ser mixta xa que se cubrirán as prazas ó 50%. Neste bloque de “Súmate ao cambio” a distribución das prazas é o 50% para impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado.