Critican o uso de animais na Cabalgata de Pontevedra
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera lamentou este martes que un ano máis o Concello de Pontevedra manteña o uso de animais para a Cabalgata dos Reis Magos, "cando a propia corporación xa aprobou unha iniciativa para vetar precisamente o seu uso en espectáculos circenses", apuntan nun comunicado no que tamén lembran que o consistorio segue mantendo a vixencia dun convenio de cesión cos responsables da praza de touros.
Para os animalistas o goberno municipal leva demasiado tempo polo "mal camiño" e "debería tomar nota" dos xestos que se están dando en municipios galegos e tamén do conxunto do estado español, onde se suprime a presenza de fauna silvestre en catividade en cabalgatas, como o caso de Madrid ou Zaragoza.
Os defensores dos animais explican que o veto ao emprego de animais en cabalgatas e outros espectáculos de carácter público vén motivado por "cuestións de benestar e seguridade".
Segundo aseguran "nestes actos os animais ven expostos a gran cantidade de ruído e movementos, e dado que son especies moi sensibles a estas circunstancias, diferentes municipios quixeron evitar uns malos tratos continuados aos mesmos".