As catiúscas, indispensables para saír á rúa esta semana
Por Redacción
As Rías Baixas continuarán baixo a influencia dunha borrasca centrada sobre as Illas Británicas que achega frío durante este martes 5. O ceo atoparase nubrado con choivas xeneralizadas de tipo intermitente que, por encima dos 700 metros serán en forma de neve. As temperaturas descenderán entre lixeiro e moderadamente con sensación térmica de frío situándose entre os 6 e os 9 graos. Os ventos soprarán do noroeste fortes no litoral, segundo o servizo de información de Meteogalicia.
No día de Reis, o mércores 6, as Rías Baixas quedaron baixo a influencia dun sistema de borrascas que se move polo Atlántico Norte cara á as Illas Británicas cunha fronte asociada que se irá achegando ao longo da xornada. O ceo permanecerá nubrado con choivas que comezará durante a mañá na zona oeste e a partir do mediodía serán xeneralizadas e de intensidade moderada. As temperaturas ascenderán establecéndose entre os 8 e os 15 graos. Os ventos pasarán a soprar do suroeste moderados, con intensidade forte no litoral durante a tarde.
As baixas presións manteranse durante o xoves con inestabilidade na atmosfera. O ceo continuará nubrado con precipitacións intensas na zona do litoral atlántico. As temperaturas mínimas ascenderán pasando a situarse sobre os 14 graos. O vento continuará soprando forte do suroeste.
A partir do venres, as Rías Baixas seguirán baixo os efectos das borrascas que se moven polo Atlántico norte deixando inestabilidade atmosférica e altas probabilidades de choiva. Espérase que a partir do sábado, as choivas sexan algo menos intensas e frecuentes, segundo Meteogalicia.