Fiscalía pide seis anos de prisión a un pontevedrés por abusos sexuais a dúas menores
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra xulgará o xoves 24 de xaneiro a un veciño de Pontevedra acusado de dous delitos continuados de abusos sexuais a dúas menores.
Os feitos que se xulgan ocorreron no domicilio que o acusado compartía coa súa ex esposa, desde o ano 1999 e ata o ano 2002.
Segundo a fiscalía, o acusado R.RdeS. realizou "diversos tocamentos nos peitos, vaxina e cu, con ánimo libidinoso", á filla da súa esposa, que naquel momento tiña doce anos de idade "aproveitando que se atopaban sos na casa, entrando na súa habitación ou cando estaba no cuarto de baño".
Por estes acosos a nena marchouse a vivir no ano 2002 a casa da súa avóa.
A fiscalía sostén que estes mesmos actos realizounos coa súa irmá, cando esta tiña dez anos. Sostén a acusación que ocorreu entre os anos 2002 e 2007, "obrigándolle a ver películas pornográficas ou entrando na súa habitación e meténdose na mesma cama". No ano 2007 o matrimonio separouse.
O Ministerio Público entende que estes feitos son constitutivos de dous delitos continuados de abusos sexuais polo que pide un total de 6 anos de prisión, e a prohibición de achegarse ás vítimas por tres anos.