Por ir á universidade non aparques o instrumento
Por Redacción
Coa mesma filosofía coa que o pasado curso impulsou o nacemento do coro do campus de Pontevedra, desde a Vicerreitoría queren tamén que a música tradicional remate ocupando un espazo propio e permanente na oferta cultural do campus pontevedrés.
"O obxectivo que temos en mente é montar unha especie de aula permanente de música tradicional, onde entre absolutamente todo; instrumentos, canto, baile...", salienta neste senso Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural, que vén de impulsar unha campaña co propósito de que todos os membros da comunidade universitaria interesados en tomar parte neste proxecto se poñan en contacto coa Vicerreitoría.
"Non aparques o instrumento" é neste senso o lema da campaña posta en marcha pola Área de Extensión Cultural xunto co PAS Luís Torres, e que parte da idea, como sinala este último, "de que á Universidade chegan moitos rapaces e rapazas que na súa cidade ou vila de orixe están tocando nun grupo ou nunha sociedade cultural e que, ao chegar aquí, non teñen a posibilidade de ensaiar".
Nese senso, un dos propósitos deste proxecto é en primeira instancia "facilitarlles que sigan en contacto co instrumento e que poidan seguir ensaiando". Mais, como recoñece Morquecho, a proposta da Área de Extensión Cultural vai máis aló de dotar as persoas interesadas dun espazo físico no que reunirse. Trátase, explica, dunha iniciativa aberta "a todas as persoas interesadas", tanto xa formadas neste ámbito, "como a aqueles afeccionados e afeccionadas que queiran aprender".
A idea, relatan os seus promotores, é xuntar a un "grupo de xente multidisciplinar", que teña como nexo de unión o seu interese polas música de raíz, para, a partires de aí, tratar de poñer en marcha diferentes iniciativas.
Impulsar no segundo cuadrimestre un obradoiro de música tradicional, tanto de iniciación como de perfeccionamento, é neste senso unha das primeiras metas do que é, destacan, un proxecto máis amplo e a longo prazo, no que "a idea é que cada actividade vaia levando a outras" co propósito de dar forma a unha aula "que, ao igual que o coro, poida funcionar ao longo de todo o curso".
Neste senso, Morquecho apunta que "non sabemos como irá callando isto, pero a idea é que o día de mañá se poida crear un grupo no campus, ou mesmo que nun momento dado a música tradicional poida chegar a ser un campo tamén para a investigación", sinala o responsable de Extensión Cultural, que anima a todas as persoas interesadas a poñerse en contacto con esta área, tanto a través do correo mam@uvigo.es como do teléfono 986 801690.