O Supremo ordena ditar nova sentenza contra o condenado de matar o seu irmán en Vilagarcía
Por Redacción
O Tribunal Supremo anulou a sentenza ditada pola Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ordenou a celebración dun novo xuízo contra o home acusado de matar o seu irmán cun disparo de escopeta en Vilagarcía de Arousa tras unha discusión.
A Sala do Penal ordena que o mesmo tribunal dite unha nova sentenza respondendo a todos os motivos expostos pola acusación no seu recurso de apelación -tamén os non analizados- contra a sentenza do Tribunal do Xurado da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou ao acusado a unha pena de 11 meses e quince días de prisión por un delito de homicidio imprudente coas atenuantes de lexítima defensa, medo insuperable, estado de necesidade e pasional, confesión e reparación.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimara o recurso interposto pola familia do falecido e acordou a celebración dun novo xuízo cun xurado diferente ao considerar que se vulneraron as normas e garantías procesuais -tutela xudicial efectiva- xerando indefensión á acusación por defectos no veredicto relativas ás propostas de feitos sobre as agravantes de parentesco e abuso de autoridade.
A Sala do Penal estima o recurso de casación interposto polo condenado contra a sentenza do TSXG por vulnerar os dereitos á tutela xudicial efectiva e a un proceso con todas as garantías. Neste sentido, afirma que "existe unha falta absoluta de motivación na sentenza recorrida en casación, sobre a efectiva incidencia que o sometemento das proposicións ao xurado en relación ás agravantes de parentesco e abuso de superioridade, houberen tido na sentenza ditada polo Tribunal do Xurado; pois noutro caso, de non levar consecuencias, a infracción da normal procesual non xera indefensión de ningún tipo". A sentenza indica que non se pode aseverar quebranto que desnaturalice a existencia dun verdadeiro proceso que xustificase un novo xuízo.
Así mesmo, engade que aínda que as infraccións procesuais producíronse non se viu comprometida a eficacia persecutoria dos delitos imputados; "polo que resulta non só inmotivada senón absolutamente inxustificada a elevación do mero quebranto da norma procesual sen potencial incidencia nin eficacia algunha dispositiva no caso concreto de autos, á categoría de infracción do dereito á tutela xudicial efectiva que orixina indefensión á acusación".
Relacionadas:
-
Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |