"Sendeiros azuis" para fomentar o turismo na provincia
Por Redacción
Os sendeiros azuis son itinerarios enlazados a praias e portos que contan co distintivo ambiental de bandeira azul. Na provincia son nove os municipios que acordaron coa Deputación conformar unha Rede de Sendeiros Azuis, de forma que conxuntamente revitalizarán estes espazos para que sexan un atractivo turístico máis da provincia. Estes concellos son A Guarda, Baiona, Nigrán, Vigo, Cangas, Bueu, Sanxenxo, A Illa de Arousa e Ponte Caldelas. Este último é o único municipio non costeiro de Pontevedra que se integra neste grupo.
A tales efectos, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, reuniuse este mércores 16 con responsables de devanditos concellos. Posteriormente sinalaba que a Deputación dispón dunha partida de 60.000 euros para as primeiras actuacións. Son proxectos que se concretarán nun convenio marco antes de que termine o ano e que determinarán sinalización, mobiliario, mantemento e promoción destes itinerarios.
A previsión que se manexa desde a Deputación é a de optar en 2016 a subvencións europeas para desenvolver o proxecto de forma máis ambiciosa a medio e longo prazo. Unha posibilidade sería o programa LIFE que ofrece financiamento para mellora ambiental e recuperación da biodiversidade.
"Sumar sinerxias entre concellos que teñen proxectos comúns é importante para obter outros globais que permitan mobilidade e cohesión territorial; ademais crear proxectos que nos permitan conseguir atracción turística. É importante que rompamos o modelo de individualismo no que cada municipio defende o seu. Xuntos somos máis fortes e hai máis capacidade para poñer en valor o que temos", explicou a presidenta Carmela Silva.