Os universitarios fan selfies contra o mal amor
Por Redacción
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, presentaron durante a xornada deste mércores 9 a iniciativa "Todos vos días loitando contra a violencia de xénero". Trátase dunha campaña na que se busca que os alumnos universitarios teñan información para loitar contra a violencia machista.
Esta campaña está a desenvolverse nas tres universidades galegas e o obxectivo é implicar á xente máis nova para acabar con este problema social, segundo expón a Xunta de Galicia.
No campus pontevedrés instalouse un punto de atención con material informativo que incide na idea de que o "amor romático" non debe servir para encubrir actitudes e comportamentos violentos. Os últimos estudos publicados reflicten que a mocidade conforma un grupo "especialmente vulnerable" á violencia sexista e que os estudantes reproducen de maneira preocupante os estereotipos de xénero que se crían erradicados.
Ademais do material informativo, a campaña de sensibilización leva aparellada a acción "Un selfie contra o mal amor", un concurso a través do que os universitarios galegos poderán subir unha autofoto a través das súas redes sociais e manifestar nelas o seu rexeitamento á violencia machista.