O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cumpriuse o prognóstico e o goberno local do BNG logrou aprobar os orzamentos para o ano 2016 ante a ausencia de César Abal, o concelleiro do Partido Popular, que non puido estar presente na sesión deste luns 7 de decembro ao ter que someterse a unha intervención cirúrxica nun hospital da cidade.
Os doce votos dos concelleiros da oposición quedaron escasos para tombar o proxecto orzamentario elaborado polo concelleiro de Facenda, Raimundo González. Á ducia de mans alzadas polos concelleiros nacionalistas sumouse a do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores facendo uso do seu voto de calidade e, desta forma, o goberno local logrou sacar adiante a súa proposta de 72 millóns de euros para o próximo ano.
A sesión plenaria, que durou ao redor de hora e media, comezou coa exposición de Raimundo González sobre uns orzamentos que considera "expansivos, inversionistas e con contido social", que entre outras partidas conta con 2,4 millóns de euros destinados á rede sanitaria, máis de 31 millóns para gasto corrente, 11 para investimentos e máis de 20 para persoal.
María Rey, de Ciudadanos, rexeitou o seu apoio a estes orzamentos porque non contemplan medidas para loitar contra o paro, principal problema do municipio, segundo expuxo. Indicou que o seu partido non se preocupa pola propaganda electoral senón pola clase media traballadora que, entende, non aparece recollida neste documento.
Pola súa banda, o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, cualificou os orzamentos de regresivos e antisociais. Insistiu na necesidade de fomentar o emprego público e criticou os gastos en publicidade e propaganda que se realizan desde o Concello pontevedrés.
Agustín Fernández, o portavoz do grupo socialista, foi moi duro nas súas intervencións cualificando de "miseria política" a actitude do BNG aproveitando a ausencia dun concelleiro para aprobar este orzamento en lugar de tentar buscar acordos coa oposición. Apuntou que o alcalde sairía do pleno máis "débil, só e desprestixiado" xa que esta sesión tería que celebrarse noutra data. E lamentou esta "práctica filibustera" engadindo que esta forma de actuar podería ser asumida tamén polo resto de grupos aínda que, engadiu, "o PSOE non é como o BNG".
Tamén desde o Partido Popular, o seu máximo representante municipal Jacobo Moreira mostrou nas súas distintas intervencións a súa oposición ao orzamento e mostrou o seu malestar pola convocatoria atropelada tanto da xunta de portavoces convocada a través de whatsapp, á que só acudiran Marea e o BNG, como deste pleno. Entenden que estas convocatorias só teñen justificación dentro do "estado de desesperación" que atravesa, segundo Moreira, o grupo de goberno. Cualificou de indigna a memoria que acompaña a estpos presupostos porque é "un panfleto político" e reclamou mellor xestión para rebaixar os impostos e aumentar o gasto social. Unha vez máis, Jacobo Moreira e María Rey, portavoz de Ciudadanos, enfrontáronse sobre a falta de apoio de ambas as formacións á hora de apoiar as súas respectivas emendas.
Unha vez aprobado o orzamento, Moreira interveu para mostrar a súa decepción porque o BNG aprobase o orzamento a pesar de que o portavoz do PP solicitara ao alcalde que retirase un concelleiro nacionalista para igualar o número de representantes e así votar o documento que marcará a política do próximo ano en igualdade de condicións coa oposición.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeu que estudara esa posibilidade pero que a desestimaba. Lores indicou que sentía orgullo e satisfacción por aprobar o documento xa que a súa obrigación, indicou, é gobernar e a oposición non se pon de acordo para presentar un orzamento alternativo.
Tras este pleno, poderanse presentar alegacións regradas ao orzamento aprobado no caso de que se detecten erros de gravidade nas cifras presentadas nas diferentes partidas.
Relacionadas:
-
Lores reta á oposición: "Se queren gobernar, que presenten unha moción de censura"
Por Alejandro Espiño |
-
Os orzamentos quedan aprobados de xeito definitivo ao non presentarse alegacións
Por Redacción |
-
A oposición forza ao BNG a celebrar o Pleno o día despois das eleccións
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón redactar un novo regulamento de participación cidadá en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG poderá aprobar o presuposto grazas ao ingreso hospitalario dun concelleiro do PP
Por Redacción |
-
PP, PSOE e Ciudadanos fan un 'plante' á xunta de portavoces
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A división da oposición facilita o ditame favorable dos orzamentos municipais
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |