A división da oposición facilita o ditame favorable dos orzamentos municipais
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia
A tramitación dos orzamentos municipais deu un paso adiante tras a comisión especial de orzamentos, pero o contexto electoral actual fai que a negociación entre os catro partidos con representación no Concello de Pontevedra sexa practicamente imposible, e por tanto que o BNG teña que exporse a sesión plenaria extraordinaria despois do 20 de decembro.
Nesta comisión especial quedou ditaminado favorablemente o proxecto orzamentario -incluíndo algunhas emendas parciais da oposición -, con catro votos a favor do BNG, as dúas abstencións de PSdeG e Marea, e tres votos en contra de PP e Ciudadanos.
A división dos tres grupos da oposición beneficiou ao grupo de goberno neste caso, pero se os catro partidos votasen en contra en pleno, tombarían o proxecto orzamentario. Desta forma, non é descartable que os nacionalistas agarden a que se celebren as eleccións, e tras a cita electoral poder contar co apoio dalgún dos partidos, concretamemente Ciudadanos, que foi o máis favorecido na votación das emendas parciais aprobadas.
"Parece que hai certa esperanza, pero máis nada que iso" dicía o concelleiro de Facenda, Raimundo González, ao ser preguntado sobre o resultado desa sesión plenaria pendente. "A única obviedade é que empezou a campaña electoral", sentenciou. Por agora o goberno nacionalista introducirá no documento os cambios que leven as emendas parciais aprobadas de Marea e Ciudadanos e consultarase cos partidos para fixar a data do pleno, "se é posible, a próxima semana".
EMENDAS PARCIAIS APROBADAS
Mentres que as emendas á totalidade que presentaran os grupos da oposición foron rexeitadas pola falta de votos favorables duns e outros; si se aprobaban tres emendas parciais: dous de Ciudadanos e unha de Marea.
A formación laranxa, que en Pontevedra lidera María Rey, foi a máis beneficiada na comisión especial de orzamentos xa que se aprobaron as dúas emendas parciais que presentaran. Unha para que se contrate outra asistenta social e outra para aumentar a partida de emerxencia social para os beneficiarios das vivendas sociais de Valdecorvos. A terceira de Marea Pontevedra refire á participación dos veciños no destino da partida prevista para o rural.
A pesar deste resultado, María Rey avanzou que "no significa que Ciudadanos apoye los presupuestos, ni tampoco que se vaya a abstener" e criticaba que neste momento "haya partidos que se ponen al servicio de sus siglas y no de los ciudadanos". Tampouco o portavoz de Marea, Luís Rei, especificou o seu voto en pleno, apuntando que "a incorporación da emenda non significa apoiar os orzamentos".
O PSdeG ADIANTA O SEU VOTO EN CONTRA
O concelleiro do PP, César Abal, dicía sentirse sorprendido pola abstención de Marea e PSdeG e máis aínda polo voto contrario de Ciudadanos "a los que aceptan las dos enmiendas parciales que llevaban y votan en contra del presupuesto. Los pontevedreses no pueden ser rehenes de posturas partidistas", proseguía, acusando ademais a BNG e Ciudadanos de ter negociacións "a espaldas" da poboación. O edil popular, avanzou que están dispostos a negociar antes do pleno, pero "hay líneas rojas" que xa expuxeron e que non van pasar.
Quen deixou o seu voto claro foi o socialista Iván Puentes. O PSdeG votará en contra dos orzamentos no pleno "salvo que o BNG recapacite e inicie conversacións cos grupos municipais". De momento "o BNG segue instalado no ego electoral, cando a realidade é que está en minoría e require consenso e negociacións que non se produciron ata agora", dicía o concelleiro.
Relacionadas:
-
O BNG aproba os orzamentos de 2016 ao aproveitar a ausencia dun concelleiro do PP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O BNG poderá aprobar o presuposto grazas ao ingreso hospitalario dun concelleiro do PP
Por Redacción |
-
PP, PSOE e Ciudadanos fan un 'plante' á xunta de portavoces
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG, sen apoios aparentes para sacar adiante o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición ten 72 horas de prazo para facer as súas emendas ao orzamento municipal
Por Redacción |
-
Tino Fernández propón unha alternativa ao orzamento "tramposo" dun BNG con "discrepancias internas"
Por Natalia Puga |
-
Unha redistribución fiscal ou a remunicipalización de servizos, propostas de Marea para o orzamento
Por Alejandro Espiño |