Poio estuda un acordo para que os Bombeiros de Pontevedra interveñan neste municipio
Por Anxo Lourido
O goberno local de Poio tentará alcanzar un acordo co de Pontevedra para que os bombeiros do Parque pontevedrés interveñan no municipio que goberna Luciano Sobral. O último incendio rexistrado nunha vivenda abandonada da Rúa Oliveira provocou o malestar veciñal debido ao atraso pola chegada dos bombeiros procedentes do Parque do Salnés cando os de Pontevedra atópanse a cinco minutos de distancia.
O alcalde de Poio manifestou na tarde deste xoves 19 que esta situación débese ao plan de Emerxencias da Xunta de Galicia, que impide a intervención dos bombeiros da capital e que, a pesar das protestas do goberno local de Poio e tamén doutras localidades que se ven prexudicadas por esta repartición, desde Vicepresidencia da administración autonómica non se busca unha solución para tentar actuar dunha maneira máis rápida e efectiva neste tipo de situacións de emerxencia.
Por este motivo, Luciano Sobral estuda chegar a un acordo co Concello de Pontevedra para buscar unha solución a pesar de que afirma que a responsabilidade corresponde á Xunta de Galicia. Neste sentido, o concelleiro Xulio Barreiro tamén fixo fincapé en que o Concello de Poio mantén economicamente unha dotación de Protección Civil cando se trata dun servizo que debería ser responsabilidade da administración autonómica.
O concelleiro socialista Gregorio Agís mostrouse moi duro co Partido Popular, que culpa ao goberno local de non ofrecer solucións a esta situación, sinalando que o PP procura diluír as súas responsabilidades cando se trata de cuestións da súa incumbencia. E puxo como exemplos, ademais do Plan de Emerxencias, a mellora da PO-308, a pouca actividade industrial do polígono de Fraga-Moreira ou a depuradora.
Luciano Sobral indicou que o lóxico sería que ante unha situación de risco interviñesen as dotacións que se atopan máis próximas, neste caso, as de Pontevedra. E por este motivo, insistiu en que buscará un acordo co goberno pontevedrés, tamén do BNG, para que se poida ofrecer maior seguridade aos veciños, aínda que sinalou que se o Plan de Emerxencias da Xunta de Galicia continúa coas mesmas directrices actuais, o servizo do 112 ante unha urxencia seguirá poñéndose en contacto cos Bombeiros do Salnés á marxe do convenio que se estableza co Parque de Pontevedra.