"Lembrar é un deber ético e político". Homenaxe aos fusilados o 12 de novembro
Por Diego Espiño
O Concello de Pontevedra brindou este xoves unha homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936.
O alcalde, Miguel Fernández Lores, acompañado polos portavoces de todos os grupos políticos con representación na corporación local (PP, PSOE, Marea e Cidadáns), encabezou este acto que lembra a Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz.
Fernández Lores destacou no seu discurso que "lembrar é un deber ético e político" xa que "o silencio e o esquecemento son como a última derrota, a morte definitiva" para as vítimas da represión.
Ademais, engadiu, "debémosllo ás familias das persoas asasinadas, que ademais de sufrir unha dor que xa dura 79 anos, e que aínda permanece no fondo dos corazóns, non tiveron apenas dereito nin a chorar publicamente aos seus, a celebrar un funeral, a poñerlle flores na tumba".