Onde está Capri?
Por Redacción
Ata tres baixos comerciais con escasa distancia entre eles coinciden nesta capital baixo o mesmo rótulo: Confeitería Capri. A pioneira foi María Luisa Fortes Veiga, quen en 1963 abriu o primeiro negocio con ese nome en García Camba 9. En 2001 xubilouse e alugou o local e o negocio a dous socios que continuaron co negocio pasteleiro. Posteriormente, estes dous últimos abriron un segundo establecemento Confeitería Capri, na praza de San José, e o último foi este mes de outubro en García Camba 4.
O problema arrinca co proceso xudicial aberto este verán entre a propietaria do negocio inicial e os arrendatarios. O mencionado arrendamento tiña unha vixencia por catorce anos, que concluíu a comezos de xullo, xa que a propietaria decidiu non prorrogalo e retomar as rendas do negocio. Con todo, os seus moradores, lonxe de abandonar o local, seguiron nel e a propietaria iniciou un procedemento de desafiuzamento.
Nesta situación, traballadores "da auténtica Capri" iniciaron protestas, como a concentración realizada este xoves 22, para facer chegar á opinión pública a súa situación; xa que tampouco poden retomar o seu traballo coa súa xefa inicial.
Menchu Collado, unha destas empregadas, sinala o seu desexo, e o dos cinco compañeiros restantes, de poder volver García Camba 4 canto antes "para seguir endulzando a vida aos pontevedreses, apostando pola tradición e a calidade".
Ao tempo agradece o respaldo que están a ter das propietarias do local e de moitos clientes da veterana confeitería.