Falece o pontevedrés Luciano García Alén, fundador do Museo do Pobo Galego
Por Redacción
O médico e etnógrafo pontevedrés Luciano García Alén faleceu este venres en Santiago de Compostela á idade de 87 anos. Os seus restos mortais recibiron sepultura nas últimas horas no cemiterio de Mourente.
Nacido no barrio da Seca en 1928, foi un home que manifestou as súas inquietudes culturais desde moi novo. Compaxinou sempre esta faceta coa súa verdadeira vocación, a medicina. Exerceu como médico xinecólogo e como profesor na facultade compostelá e foi un dos impulsores do hospital da Rosaleda.
Pero foi, sen dúbida, no ámbito cultural onde sobresaíu a súa figura.
Dedicou gran parte da súa vida a percorrer Galicia estudando a olería popular, sobre a que publicou diversas monografías. No seu empeño por dignificar a cultura popular foi fundador e patrón do Museo do Pobo Galego e un dos creadores do Clube Nacionalista Alén Nós, unha tribuna de opinión e debate político e cultural.
Ademais, foi tamén membro do antigo padroado do Museo de Pontevedra.
A súa traxectoria profesional foi destacada con multitude de premios e recoñecementos, entre eles, a medalla Castelao que lle outorgou a Xunta de Galicia no ano 2009.