O PP provincial esixe á Deputación que urbanice a estrada de Campelo
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular presentará no pleno próximo unha moción para esixir ao goberno da Deputación de Pontevedra que "respecte o compromiso que existía do anterior goberno coa estrada provincial de Campelo". Así o manifestou este mércores o voceiro popular, Ángel Moldes, nunha visita á estrada provincial, na que estivo acompañado polos deputados populares Luis Aragunde e Salomé Peña, así como de representantes da asociación de veciños.
Segundo explicou o voceiro do PP, trátase dunha estrada moi transitada, pola que transcorren a diario usuarios do centro de saúde, do colexio ou da igrexa, que vense expostos ao perigo que supón camiñar por unha estrada na que en moitos puntos non hai nin arcén para protexerse da circulación rodada.
Por eso motivo, consideran que a seguridade vial e a construción de beirarrúas debe seguir sendo unha prioridade para este goberno, como o foi para os populares que chegaron a un acordo co Concello de Poio e a Asociación de Veciños de Campelo para investir 1,7 millóns de euros na urbanización da estrada. “Se non se executou o proxecto no anterior mandato non foi pola falta de compromiso do anterior presidente provincial, senón pola falta de xestión do concello, que foi incapaz de poñer á disposición da institución os terreos”, valora.
O anterior goberno, segundo explicou Ángel Moldes, comprometérase a financiar o 70% das obras, e o Concello asumiría o 30% restantes. E incluso durante o anterior mandato se propuxo ao alcalde facer un adianto dese 30%, sen intereses, e a devolver no prazo que eles estimasen oportuno. A única condición que tiña o Concello era que debía xestionar a cesión gratuíta dos terreos precisos para acometer a obra.
Pola súa parte, o presidente da asociación veciñal Manuel Currás destacou que “o problema é bastante grave. Somos 2.000 veciños en Campelo e non temos por onde andar”. Recoñece que lle gusta o acordo que había coa Deputación, pero que a día de hoxe non saben nada. “Este é un pueblo sen lei. Estamos no siglo XXI e esta estrada ten 70 anos”, denunciou.
O proxecto contempla o ancheamento da plataforma da estrada desde os 6-7 metros actuais ata os 12,6 metros. Dotaríase así de dúas beirarrúas, unha a cada marxe da estrada, e unha franxa de aparcadoiro, ademais de todos os servizos necesarios, coma o saneamento e abastecemento de auga e as canalizacións de telefonía e electricidade, entre outros.
Con esta moción, o que pretende o Partido Popular é que “esta actuación non se quede no olvido e que o bipartito o teña en conta cando elabore os próximos presupostos”.
Relacionadas:
-
A mellora da estrada entre Lourido e Campelo, "máis preto"
Por Redacción |
-
O PP cre que Campelo quedará sen beirarrúas segundo o decálogo da Deputación
Por Redacción |
-
O PP esixe ao goberno local que asuma como "prioritario" o acondicionamento da estrada de Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
Poio contará coa axuda da Deputación para mellorar as súas infraestruturas deportivas
Por Redacción |
-
Vía libre para a urbanización da estrada de Campelo
Por Redacción |
-
Campelo leva medio ano esperando pola construción dunhas beirarrúas
Por Oskar Viéitez |