Un acta policial confirma que se queimaron 126 expedientes urbanísticos en Marín
Por Redacción
A voceira do BNG en Marín, Pilar Blanco, sostén que catro semanas despois de ter solicitado ao Concello a acta da Policía Local sobre a queima de expedientes urbanísticos que ven denunciando, finalmente recibiuna o venres 11 de xaneiro. Co documento xa no seu poder dende o término do Pleno da Corporación, asegura "confirma a queima denunciada polo BNG e relaciona ata 126 expedientes".
Segundo a información facilitada polo BNG, este acta da Policía Local sinala a data de emisión e departamento ao que pertencían os documentos destruidos. "Os expedientes relacionados, que a día de hoxe supoñemos queimados, correspóndense con denuncias administrativas de Medio Ambiente, dirixidas tanto ao Concello como á Xunta, inspeccións de obra da Policía Local, solicitudes de informes ao enxeñeiro municipal e a Urbanismo, proxectos de licencias urbanísticas e incluso unha memoria presentada pola Asociación Protectora de Animais", informa a concelleira nacionalista.
Pilar Blanco asegura que a acta tamén confirma que os documentos procedían das oficinas do Concello e que a orde de retiralos procedía da Alcaldía e lembra que o BNG xa rexistrou unha moción solicitando a apertura dun expediente informativo e espera que a alcaldesa, María Ramallo, "lle dea tramite sen dilación aportando toda a documentación precisa para esclarecer estes gravísimos feitos".
"Os feitos son aínda máis graves do que imaxinabamos e non fan máis que confirmar a urxencia de abrir un expediente informativo que aclare exactamente que documentos se queimaron, e de ser a alcaldesa a responsable da orde, ela mesma terá que dar contas do sucedido e actuar en consecuencia", indica.
Ademais, levanta as sospeitas sobre a posibilidade de que se teñan queimado máis documentos, pois "tendo en conta que o traslado das oficinas iniciouse na primeira semana de novembro, e que os feitos que recolle a acta da Policía aconteceron o día 29 do mesmo mes, non sabemos a cantidade de expedientes que xa se queimaran durante todo ese tempo".