Vaipolorío "senta cátedra" na Escola de Enxeñaría Forestal
Por Redacción
A riqueza dos ecosistemas fluviais e as ameazas para a súa conservación centraron este mércores un seminario na Escola de Enxeñaría Forestal, no que os expertos participantes coincidiron á hora de sinalar á acción do home como o "principal factor de estrés" para estes ecosistemas.
Este seminario contou coas achegas de investigadores da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro para traballar conxuntamente en metodoloxías que permitan combater problemas dos ríos como a eutrofización, o exceso de nutrientes que provoca a proliferación de algas como as cianobacterias.
Previamente, estas xornadas abríronse coa participación de Gonzalo Sancho, presidente da asociación Vaipolorío, que centrou a súa intervención en facer balance do traballo desenvolvido por este colectivo na recuperación do río Gafos.
Sancho puxo o acento en como as campañas de recollida levadas a cabo desde esta asociación contribuíron a que "hoxe poidamos falar un río recuperado". Mais ao mesmo tempo, incidiu tamén en que "as ameazas e a contaminación seguen existindo". E nese punto a súa visión coincidiu cos expertos da Universidade, no senso de que "un río que está rodeado de xente", como acontece nunha contorna urbana, "sempre ten ameazas", motivo polo que incidiu na necesidade de seguir traballando pola conservación tanto das súas augas como da súa ribeira, "onde hai unha serie de especies vexetais endémicas que se están a ver desprazadas rapidamente por especies invasoras que alteran o ecosistema".