A escola infantil da Deputación abre o novo curso anunciando que aumentará unha aula
Por Redacción
A escola infantil Chupetes que ten a Deputación de Pontevedra na Cidade Infantil Príncipe Felipe xa comezou o novo curso escolar e fíxoo cunha importante novidade. O organismo provincial anuncia que abrirá unha nova aula para nenos de 0-1 anos antes de finais deste ano 2015.
A noticia deuna a coñecer a deputada provincial de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, con motivo do novo curso, no que hai matriculados na gardería 87 nenos en diferentes grupos segundo a idade. Aínda dispón de algunhas prazas vacantes.
No grupo de 0-1 anos hai ata agora un aula con sete nenos ao cargo dunha educadora. O grupo de 1-2 anos ten tres aulas e conta con 37 rapaces pola mañá e tres na quenda de tarde. O grupo 2-3 anos ten dúas aulas, con 38 nenos pola mañá e dous pola tarde. A intención de abrir unha nova aula cos pequenos de berce débese fundamentalmente á demanda de familias de nenos que nacerán ao longo de finais deste ano, xa que noutras escolas infantís públicas non se dá a posibilidade de facer a matrícula para nenos aínda non nados.
Nestes momentos a escola infantil da Deputación conta xa con catro reservas para bebés de setembro, outubro e novembro e estanse a recibir bastantes solicitudes de información. No caso de que xurda unha grande demanda e se cubran todas as vacantes existentes con nenos xa nacidos, as familias que queiran seguir mantendo a reserva para os seus fillos terán que abonar as correspondentes taxas mensuais para poder manter a praza.
Eva Vilaverde salientou a importancia do sistema de funcionamento da gardería provincial para a conciliación laboral e familiar, xa que é a única en Galicia cun sistema de quendas que abre dende as 7.30 da mañá ás 22.30 horas de xeito ininterrompido. O equipo está formado por unha directora, unha persoa de servizos xerais, sete educadoras pola mañá, dúas pola tarde e unha de reforzo.