Silgar, escenario este martes do Certame de xogos tradicionais
Por Redacción
Ao redor dunha vintena de propostas lúdicas estarán a disposición de nenos e maiores sobre a area da praia de Silgar (Sanxenxo) para garantir máis de dúas horas de diversión con xogos que poñen a proba a habilidade e a destreza daquelas persoas que se atrevan a poñer a proba a súa capacidade.
Actividades como a barra inclinada, o barreño de peixe, o billar xaponés, a carreira de tartarugas, a cruz de espigas, a pesca de botellas, ademais dos xogos de pasmóns, de buratos, de Holanda, de filas, de bólas ou de hélices son algunhas das propostas de xogo das que poderán gozar, de forma individual ou en familia, ao longo da mañá.
Os actos comezarán ás 12.00 horas deste martes 1 de setembro e estará dirixido por monitores de tempo libre. Trátase dunha actividade que se inclúe dentro da programación das festas en honor de San Xenxo e Santa Rosalía e que chega a súa décimo sexta edición.