Correde, que ven O Demo! E trae tridente!
Por Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Cada 23 de agosto un Demo que San Bartolomé mantiña retido lograba desatarse e escapar por Pontevedra para atormentar a todo aquel que se cruzaba polo seu camiño. Cóntao a lenda e dende hai 15 anos acontece de novo na cidade do Lérez a través da Festa do Demo. Este domingo volveu pasar e, a pesar da chuvia e o mal tempo, O Demo percorreu este mediodía as rúas do centro facendo as súas travesuras.
Á chegada do Demo os viandantes botaban a correr. E non era para menos. Viña tridente en man, acompañado por un séquito de trasnos e rodeado dunha nuve de xofre. Realizou ese percorrido endemoñado dende os arcos de San Bartolomé por distintas rúas do centro histórico ata que, xa cansado, e sen lograr o seu obxectivo, volveu recluírse.
O Demo viña con intención de levarse as almas dos nenos -e non tan pequenos- que se cruzaran no seu camiño, pero encontrouse con resistencia. Os pontevedreses e visitantes lograron escapar, pero, ao mesmo tempo, reaccionaron intentando arrancarlle o rabo.
Os que non tiveron oportunidade de cruzarse con el este mediodía, aínda teñen unha nova oportunidade para gozar da Festa do Demo, tradición de principios do século XX que o Concello recuperou hai 15 anos e está xa consolidada como unha referencia do verán festivo pontevedrés. Ás 20.00 horas O Demo volverá saír dos arcos de San Bartolomé. E, alguén queda coas ganas, que non despesere, pois o ano que vén regresará. Sempre o 23 de agosto, véspera de San Bartolomé. Coincida no día que coincida.
A festa, animada ao coincidir en domingo, continuará pola noite coa Foliada do Demo prevista ás 21.30 horas na praza de Curros Enriquez. O mal tempo obrigou a suspender o concerto da Banda de Música de Salcedo prevista para as 21.00 horas na praza Jose Martí.