David Cal e Hifas da Terra, Premio Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
David Cal foi galardoado co premio Cidade de Pontevedra 2012. Así o decidiu o xurado reunido no Concello de Pontevedra. ÿ o premiado no apartado de persoas físicas. Compartirá honores con Hifas da Terra, recoñecido como persoa xurídica. Ambos recibirán o Teucro de prata e o diploma acreditativo durante unha sesión de honra do pleno municipal que se celebrará o próximo 21 de xaneiro.
David Cal é o deportista español con máis medallas olímpicas da historia. Aos seus 30 anos, o especialista en canoa monopraza conseguiu unha medalla de ouro e catro de prata en tres participacións nos Xogos Olímpicos de Atenas (2004), Pekín (2008) e Londres (2012). Natural de Cangas, reside en Pontevedra e ten a súa base de adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva da cidade (aínda que tamén se adestra en Lugo e Asturias).
En nome do xurado, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, destacou que para conceder o premio a David Cal valorouse que trátase dun dos deportistas máis destacados de Galicia "e temos a sorte de que adestra e vive en Pontevedra". Foi para el, dixo "un ano especial".
Pola súa banda, Hifas da Terra, galardonada como persoa xurídica, é unha empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía con sede na parroquia de Bora que comezou como unha firma de produción de setas ecolóxicas e kits de produción e desde 2011 conta cun Centro de Interpretación Micológica que alberga a primeira consulta de micoterapia que hai en Europa.
Entre os seus méritos, Anxos Riveiro destacou a súa faceta como empresa pioneira no tratamento e producción de cogomelos e "o seu esforzo na mellora produtiva dos montes e a grandísima labor de investigación en múltiples facetas", como o coidado paliativo en tratamentos de quimioterapia. Trátase dunha empresa, a xuízo do xurado, "da que temos que estar tremendamente orgullosos".
En todo caso, o xurado quixo agradecer todas as propostas presentadas. De aí que Anxos Riveiro expresase o seu "maior recoñecemento" ao outro candidato ao premio de persoas físicas, o xornalista Eugenio Giráldez, "por toda unha vida adicada a informar sobre a actualidade de Pontevedra", e ao Banco de Alimentos, que tamén optaba ao Cidade de Pontevedra como persoa xurídica, "polo magnífico traballo que están facendo nun momento moi duro".
Segundo explicou Anxos Riveiro, o Cidade de Pontevedra a David Cal foi concedido por maioría, mentres que Hifas da Terra si concitou a unaminidade do xurado.