Touradas fóra de Pontevedra agarda que en 8 anos desapareza a Feira taurina da cidade
Por Redacción
Touradas fóra de Pontevedra organizou unha manifestación polo centro de Pontevedra este sábado 8 coincidindo coa primeira corrida da Festa Taurina da Peregrina. Centos de persoas participaron do acto para reclamar do Concello de Pontevedra que non renove o convenio con Eduardo Lozano, o empresario propietario da Praza de Touros de Pontevedra porque, segundo afirmou Vicky Estévez representante do colectivo organizador, se está a pagar de forma indirecta os festexos taurinos.
Á marcha, segundo a organización, sumáronse 95 organizacións, 11 máis que en 2014, entre as que se encontraban Marea Pontevedra e Galiza Nova, ademais doutros colectivos como a Asociación pola Defensa da Ría co seu presidente Antón Masa realizando o percorrido. As pancartas reclamaban a abolición da tauromaquia e os participantes na manifestación entoaron algunhas proclamas como "A tortura, nin arte nin cultura", "No son artistas, son asasinos" ou "Cultura, El Quijote; tortura, el capote".
Os manifestantes tamén reclaman que o Parlamento de Galicia modifique a Lei de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade para que se prohíban as corridas de touros na comunidade.
Vicky Estévez indicou que confían en que os festexos pontevedreses poidan desaparecer nun prazo de oito anos ao entender que o cambio político na Deputación provincial levará consigo unha falta de apoio económico ao propietario da Praza.
Os organizadores sinalaron, ademais, que a súa intención non é entrar en enfrontamento cos partidarios dos touros senón "educar dende o cariño" para poder explicar as alternativas. Por este motivo, a manifestación non se achegou ata o coso de San Roque senón que transcorreu sen incidentes por Michelena, Riestra, Joaquín Costa e Benito Corbal.