Unha veciña de Ponte Caldelas no paro premiada cun contrato laboral
Por Oskar Viéitez
A xoven beneficiaria do premio dos comerciantes aínda non decidiu si acepta o contrato de traballo ou si o cambia por un vale compra.
Vaino a pensar, díxolles aos membros da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas cando lle comunicaron que era a afortunada. O sábado comunicará a súa decisión cando lle entreguen o agasaio.
O sorteo da Campaña de Nadal "Regalámosche un futuro", celebrouse esta mañá na Casa de Cultura.
O premio consistía nun contrato laboral como auxiliar administrativo, con duración de seis meses e a media xornada. No caso de non ser aceptado, a premiada, pode substituílo por un vale por valor de 3.000 euros a canxear nos diferentes establecementos adheridos á campaña, cun límite de gasto de 500 euros en cada un.
No sorteo extraeuse, dun total de máis de 23.000, o boleto gañador que correspondeu a unha veciña da vila pontecaldelense, Silvia Barbeito.
A premiada está no paro e é nai de dous nenos. Polo momento, aínda que o está pensando, parece decantarse polo vale compra.