Sanxenxo habilitará como aparcadoiro público a Praza do Mar
Por Redacción
O Consello de Administración de Nauta, reunido esta semana por primeira vez, decidiu iniciar o expediente que permita a apertura dun aparcadoiro provisional na Praza do Mar, situado na parte superior do aparcadoiro de Nauta, cuxas prazas de estacionamento resultan insuficiente para absorber a forte demanda que rexistra a vila durante os meses de verán.
A instalación sería provisional e desmontable e estaría operativa exclusivamente durante os meses de verán, garantindo que o espazo quedase aberto durante o resto do ano.
A adaptación da Praza do Mar como aparcadoiro permitiría a dotación dunhas 200 prazas de estacionamento no mesmo centro de Sanxenxo e daría resposta a unha das maiores carencias que presenta a zona urbana durante os meses de verán. Permitiría ademais trasladar a esta zona o espazo para carga e descarga que ata está habilitado na Praza dos Barcos, con todos os prexuízos e inseguridade para os transeúntes que iso leva consigo.
Atenderíase así unha vella demanda tanto dos veciños coma dos establecementos do ámbito da Praza dos Barcos, xa que se liberaría da presenza de tráfico pesado. O aparcadoiro na Praza do Mar consideraría ademais un espazo reservado para o estacionamento de autobuses, ofrecendo así aos grupos organizados que chegan ao municipio un servizo do que agora carecen.
O acondicionamento deste espazo tería un custo aproximado de 79.000 euros xa sería necesaria a delimitación e sinalización de toda a praza, así como a reparación de canalizacións e baldosas. Ademais dotaríase dun sistema de vixilancia mediante cámaras así como de barreiras, postos de control, lectores, sistemas informáticos, semáforos led, paneis informativos, etc.
O expediente iníciase agora co obxectivo de que este espazo poida estar habilitado como aparcadoiro de cara á próxima Semana Santa, xa que previamente é necesario tramitar os permisos e informes necesarios.
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, considera que a medida contribuirá á reordenación do tráfico no centro urbano, achegando unha solución demandada a unha carencia xa histórica.
Relacionadas:
-
Estudan substituír por LED toda a iluminación actual do aparcadoiro do porto deportivo
Por Redacción |
-
A primeira hora de aparcamento no porto de Sanxenxo volve ser gratuíta
Por Redacción |
-
O aparcadoiro de Nauta incrementou en xullo a súa recadación respecto ao ano pasado
Por Redacción |
-
O aparcadoiro proxectado na Praza do Mar é para o goberno de Sanxenxo "unha medida provisional e necesaria"
Por Redacción |
-
Telmo Martín oponse ao uso da Praza do Mar como aparcadoiro porque "imos saturar isto de coches"
Por Redacción |
-
Adeus aos camións de repartición na Praza dos Barcos
Por Redacción |