'Luxuria', un cabaré para adultos que ameaza con revolucionar as noites de Sanxenxo
Por Redacción
Un espectáculo único, divertido, colorido e, sobre todo, atrevido. Así é 'Luxuria' segundo os seus organizadores. Unha carpa climatizada, situada na rotonda de acceso a Portonovo, acollerá a estrea deste cabaré para adultos que se representará en Sanxenxo entre o 24 de xullo e o 9 de agosto. Trátase dunha montaxe creada expresamente para público adulto e que busca entreter dun xeito divertido e elegante.
Máis de 40 artistas internacionais darán vida a un espectáculo no que o público encontrará arte, sensualidade, erotismo, humor... un espectáculo no que a premisa é a beleza e a elegancia. Entre o elenco, recoñecidos artistas do mundo do circo ou da danza, reputados bailaríns, humoristas a grande escala, gogós, strippers e algunhas caras famosas do mundo da noite. Este sábado e domingo 25 e 26 de xullo contará coa actuación especial de Sonia Baby.
O público poderá gozar deste sensual espectáculo os días 24, 25, 26, 30 e 31 de xullo e 1, 2, 6, 7, 8 e 9 de agosto en sesión única ás 22.30 horas. Os prezos das entradas oscilarán entre os 22 euros da Butaca Diamante e os 50 da Mesa Deluxe, unha mesa para catro persoas situada a pé de escenario coas mellores vistas de todo o espectáculo.
Un servizo de camareiros servirá durante o espectáculo directamente en mesa ou en butaca para facer que o público goce ao cen por cen do espectáculo. Trátase dun espectáculo sensual e elegante, polo que para entrar se esixirán certas normas de vestimenta, como a prohibición calzado praieiro ou bañador.
Ademais, o espectáculo completarase cun servizo de catering, bar e unha carpa especializada en produtos eróticos.
Os interesados poden comprar as súas entradas para cada función na billeteira, que estará aberta case todo o día, ou nas plataformas de venda Oferplan, Cuponísimo, Ticketea e Atrápalo.