Vilagarcía proxecta un futuro relacionado co mar e sen novas grandes superficies
Por Redacción
O novo Plan Xeral de Ordenación urbana Municipal (PXOUM) de Vilagarcía de Arousa contará cun estudo específico da fachada marítima do municipio con medidas para impedir a implantación de grandes áreas comerciais, segundo o establecido na primeira reunión de traballo que o equipo do alcalde Alberto Varela mantivo cos responsables de Eptisa, a empresa que se encarga de reactivar a revisión do PXOUM.
No encontro no que tamén estivo presente a concelleira de Urbanismo, Paola María e dous técnicos municipais establecéronse as bases do modelo de cidade proposto polos socialistas. O equipo de Varela quere implantar unha cidade que se abra ao mar e na que o peón sexa o principal protagonista.
O estudo encargado debe achegar, segundo o alcalde, solucións ás dificultades que se encontran na actualidade os propietarios para rehabilitar vivendas nos núcleos urbanos consolidados da liña costeira. Ademais, o actual goberno quere establecer distintas medidas para impedir a implantación de grandes áreas comerciais na vila durante os próximos anos.
Ao mesmo tempo, Varela Paz comunicou a súa intención de crear unha Comisión de Seguimento da revisión do Plan na que se encontren representados os grupos da oposición para garantir a transparencia do proceso.
O goberno local tamén manifestou a súa preocupación ante a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida interferir nesta revisión a través da nova Lei do Solo na que está a traballar a administración autonómica.
O alcalde sinalou a necesidade de que os traballos avancen coa maior axilidade posible xa que o proceso de elaboración do PXOUM se iniciou co goberno bipartito do PSOE-BNG e que quedou en suspenso nos últimos catro anos de goberno do PP.