O Concello de Cotobade multa con mil euros aos propietarios que non limpen as súas fincas para evitar lumes
Por Redacción
O Concello de Cotobade está a executar o bando de limpeza de terreos dentro da campaña de prevención e de defensa contra os incendios forestais obrigando as persoas propietarias de terreos de influencia forestal a que os manteñan en condicións para evitar que se produzan lumes, respectando especialmente a xestión da biomasa vexetal.
O goberno local liderado por Jorge Cubela alerta de que en caso de incumprimento se poden impoñer multas coercitivas cunha contía que pode variar dende os 300 euros aos 6.000 euros, aínda que o Concello ordinariamente impón multas de 1.000 euros para lograr a execución.
O Concello de Cotobade alerta de que non será permisivo neste asunto e seguirá tramitando ben a instancia de parte ou de oficio os correspondentes expedientes de execución, sancionadores ou de execución subsidiaria de limpeza de terreos para dar cumprimento coa normativa de prevención e defensa contra incendios. Durante os últimos catro anos tramitáronse 94 expedientes.