Meis prepárase para a súa Feira Labrega no Mosteiro
Por Redacción
A celebración da VIII edición da Feira Labrega en Mosteiro é a continuidade da idea que xorde dun animoso grupo de veciños do municipio, constituídos nunha Asociación Cultural denominada "Cabemeis", na que se pretende levar a cabo este proxecto coa finalidade de recrear, o máis fielmente posible, a antiga e recoñecida Feira do Mosteiro, que no seu momento foi unha das de maior relevancia de toda Galicia no sector gandeiro.
Por este motivo, o vindeiro 5 de xullo e durante todo o día, Meis retrocederá ata o século XIX para, con ilusión e sentimento de autenticidade, achegarnos a todos a esta feira, denominada por aquel entonces "Feira Nova".
A intención dos organizadores neste certame é representar as actividades propias daquel entonces, cunha exposición simbólica de animais (cabalos, burros, ovellas, vacas, e outros), e pola outra, cunha mostra dos productos gastronómicos da zona que habitualmente se consumían nesta época os días de feira (callos, carne ó caldeiro, churros) así como a artesanía típica daqueles tempos que conformaban cesteiros, zapateiros, latoeiros, palilleiras, e demáis.
O lugar de celebración para esta feira, será o Campo da Feira, situado en Mosteiro. Este recinto era o lugar orixinal onde se celebraba a feira do gando, que ademais por mor da súa ubicación, viña en constituírse como centro aglutinador da vida económica e social do municipio.
Dada a natureza deste evento, o Campo da Feira acondiciónase debidamente para garantir a súa celebración, distribuíndo dous espazos ou zona ben diferenciadas. Nunha delas ubícase o gando, separado por especies e dentro dun perímetro acotado. Noutra, colócanse os distintos postos de productos gastronómicos e de artesanía típica.
No tocante ao gando, tománse as medidas pertinentes que, como é lóxico, están subscritas por un veterinario responsable e debidamente acreditado.
A Feira Labrega conta tamén cun amplo e ameno programa de actividades varias, pensado para todo o público, dende xogos para os máis cativos a actuacións folclóricas, concertos das bandas de música do concello e incluso unha mostra ecuestre con cabalos de raza galega, todo isto envolto sempre dentro dun ambiente teatral e propio da época.