Comeza a campaña do polbo, da nécora e do lumbrigante
Por Redacción
Este mércores comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo, da nécora e do lumbrigante. A do polbo prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2016, que se fixará polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda. A nécora e o lumbrigante poderán capturarse no 2015 ata o 31 de decembro, data incluída e no 2016 a veda iniciarase segundo se fixe no plan xeral de explotación marisqueira dese ano.
Para a captura do polbo o peso mínimo é de 1 quilo a peza e o número máximo de nasas permitido estará en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo.
En relación ás cotas máximas de captura dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro de 2015, a cota máxima será de 30 quilos por barco e día, ao cal se lle engadirán 30 quilos/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 210 quilos/día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, ao cal se lle engadirán 50 quilos/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos/día. O horario de traballo das embarcacións iniciarase ás 6:00 horas (momento de saída do porto) e finalizará ás 16:00 horas.
A NÉCORA
No caso da nécora, a novidade é que as medidas de xestión para a súa explotación se desenvolven nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan é do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2017. Ademais este ano tamén é novidade no caso da nécora a colocación de etiquetas con chip RFID, do mesmo xeito que se fai co polbo.
O número de nasas máximo permitido tamén está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo e vén establecido no plan experimental. O horario de lance de nasa nécora e camarón será nocturno e unha vez cumprido o horario de traballo deberán ser levadas a porto diariamente.