Autorizan a destrución de 192.000 procedementos xudiciais
Por Redacción
A Xunta de Expurgo de Documentación Xudicial de Galicia autorizou nunha reunión celebrada esta semana a destrución de 192.000 expedientes xudiciais procedentes das catro provincias. O proceso afecta nesta ocasión a 13 órganos xudiciais da provincia de Pontevedra.
O material que será eliminado equivale a unhas 4.000 caixas, o que supoñerá que se libere un espazo considerable nos arquivos xudiciais.
Tras o informe da Secretaría Xeral competente en materia de patrimonio cultural, a destrución dos expedientes levarase a cabo despois da correspondente publicación no DOG, o que permitirá ás partes que o desexen solicitar esta documentación xudicial nun prazo de dous meses, antes de que proceda á súa eliminación.
Trátase na súa maioría de expedientes de xuízos de faltas sen valor histórico-documental nin xurídico. Esta é a segunda vez que a Xunta de Expurgo autoriza a destrución de documentos co obxectivo de desconxestionar os arquivos xudiciais. A anterior publicouse en xuño do ano pasado e afectou a máis de 12.000 procedementos da Sala do Social do TSXG, que serviu como experiencia piloto.
Ademais deste proceso de expurgo, que é complexo polos requirimentos legais e os prolongados tempos que a normativa impón para a súa execución, se están a realizar outras tarefas que tamén teñen como finalidade organizar e liberar espazo nos arquivos dos xulgados, así como permitir a recuperación de documentación histórica.
Trabállase por outra parte na identificación de documentos anteriores a 1946 ou de interese histórico para o seu traslado aos correspondentes arquivos e habilitáronse espazos fóra dos edificios xudiciais para o traslado de expedientes que xa gravaron os órganos xudiciais na aplicación informática facilitada pola Xunta, pero cuxa destrución non foi aprobada aínda pola Xunta de Expurgo. Así, á Academia Galega de Seguridade trasladouse documentación dos penais de Vigo, e a unha nave en Pontevedra expedientes procedentes dos xulgados do Social.
Relacionadas:
-
Os arquivos xudiciais espállanse polo chan dos Xulgados da Parda ante a falta de espazo
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta trasladará máis de 100.000 expedientes xudiciais a un almacén de Campolongo
Por Redacción |
-
A Audiencia fai oco e expurgará 22.000 expedientes xudiciais
Por Natalia Puga |
-
Retiran máis de 22 toneladas de documentación na operación limpeza dos Xulgados de Pontevedra
Por Redacción |