Irene Garrido: "O ICO é o cooperador necesario na saída da crise"
Por Oskar Viéitez
A presidenta do Instituto de Crédito Oficial (ICO) Irene Garrido, participou este venres no II Foro Empresa Pontevedra onde destacou que esta entidade pública é o "cooperador necesario na saída da crise".
Irene Garrido ofreceu algúns datos da evolución das Liñas ICO en Galicia, e na provincia de Pontevedra en concreto, sinalando que no que vai de ano se concedeu en Galicia un importe de 308,6 millóns de euros en 5.130 operacións. Delas, concretamente en Pontevedra concedéronse 140,3 millóns, en 1.938 operacións.
Destas operacións en Galicia, un 67,7% delas foron concedidas a micropymes, xa que foron empresas de ata 9 empregados, e un 19,4% a empresas entre 10 e 49 traballadores. Así mesmo un 35% das operacións que se concederon foron a autónomos.
Segundo Irene Garrido este último dato "constata, unha vez máis que os préstamos ICO chegan ao tipo de empresario pequeno e mediano, que máis dificultades pode ter para acceder ao financiamento". E tamén a "boa capilaridade" das liñas desta Entidade, "chegando a todo tipo de empresas, dende as grandes ata as dun tamaño máis reducido".
En canto a Pontevedra, dentro das provincias galegas, destaca especialmente en dúas liñas ICO: na liña ICO Exportadores curto prazo, que é unha liña destacada polo crecemento exponencial que tivo o ano 2014, onde se formalizaron 699 operacións, case o dobre que na Coruña, e foi por número de operacións concedidas, a provincia número 1 en Galicia. Isto supón o 56% de todos os préstamos concedidos nesa Comunidade Autónoma. Iso constata o carácter internacional que teñen os empresarios de Pontevedra.
Para concluír a presidenta do ICO mencionou que a liña máis importante e xeralista, a Liña ICO Empresas e Emprendedores, dirixida a Pemes e autónomos tanto para financiar investimentos como para as súas necesidades de liquidez, Pontevedra tivo un comportamento "destacado", ao ser a 2ª provincia galega detrás da Coruña. Formalizáronse 1.235 operacións no que levamos de ano, o que supón un 32% dos préstamos formalizados en Galicia desta importante liña.